Espectáculos
ALBERTADAS
Monólogo cómico-teatral do actor Alberte Montes.
Duración aproximada: de 80 a 90 minutos.

Sinopse
ALBERTADAS,  así é como chamaban os compañeiros de Alberte ás improvisadas que este se marcaba no escenario no seu primeiro grupo de teatro.
 
É unha práctica á que lle colleu agarimo e que non abandonou xamais.
 
Amigo de pintar saíndose das liñas, de camiñar ó marxe do rabaño, Alberte ofrece no seu espectáculo un monólogo fresco, orixinal e disparatado.
 
Máis dunha hora de risas onde se mesturan historias cotiás con surrealismo, verdade con esaxeración, destripada actualidade con chistes malos… Un cóctel perfecto de diversión tola.
 
Un show explosivo, cargado de enerxía, adrenalina e humor. 

Dispoñible en galego e en castelán.




GALEGO PODE SELO CALQUERA...
Monólogo cómico-teatral do actor Alberte Montes.
Duración aproximada: de 80 a 90 minutos.

Sinopse
Ser galego é doado? Depende.
Os galegos temos un xeito de ser característico e diferenciado doutros pobos e culturas que nos rodean. Historicamente teñen empregado os tópicos para ridiculizarnos e mofarse de nós, feito que explicaría en parte que arrastremos algo de autoxenreira. Eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo dese estigma combatendo aos ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufando das nosas diferenzas.

Ata non hai moito pensábase que a baixa autoestima dos galegos era crónica pero Alberte Montes demostraranos dende o humor que non é así. Este mal ten cura e poderedes comprobalo. Ser galego non é só pararse na escaleira e facer crer á xente que non sabemos se subimos ou baixamos, para ser galego hai que reunir moitas máis aptitudes. 


APREN-DEIMI
Obradoiro de maxia + actuación. Espectáculo para público infantil.
Duración: 90-100 minutos

O Mago Deimi ofrécenos un espectáculo moi  completo no que despois dun breve obradoiro de maxia abraiaranos cunha actuación na que non faltarán nin o humor nin os xogos e  números máis sorprendentes.
A intención é achegar o ilusionismo aos máis pequenos facendo que eles non sexan meros espectadores senón que interveñan no proceso e incluso aprendan a executar algún dos números.

Espectáculo dispoñible en galego e tamén en castelán.


O MAGO CARLOS
Espectáculo de maxia para público adulto e/ou infantil
Duración: 90 minutos

O Mago Carlos é un mago que sorprense pola súa empatía e sentido do humor. A interacción co público, un ilusionismo sen montaxes espectaculares e grandes doses de retranca son as súas cartas (máxicas) de presentación. 

Un espectáculo de maxia e humor moi próximo que entretén e divirte a todos os públicos.


Dispoñible en galego e en castelán.


A.M.E.N.
Monólogo cómico-teatral do actor Fran Campos.
Duración aproximada: de 80 a 90 minutos.

Sinopse

“A.M.E.N.”
: Accións Misioneiras Evanxélicas Nocturnas.

O Padre Merino especializouse no pecado debido á súa difícil infancia e complicada xuventude. Falaravos, dende a súa experiencia, de pecados capitais como a luxuria, a pereza, a gula... utilizará para as súas ensinanzas a Palabra, as Sagradas Escrituras, xogos didácticos, maxia educativa, música, cancións en directo coa súa nova guitarra.

A.M.E.N. é un curso, taller, charla, coloquio… sobre o pecado. E como tal, está aberto á participación do público asistente ao espectáculo.


QUE ANOS AQUELES...
Monólogo cómico do showman de Arzúa, Xan Veiga
Duración aproximada: de 80 a 90 minutos

Monólogo "Made in Galicia" no que nos embarcaremos nunha viaxe ao pasado para lembrar as desventuras dun galego calquera que nos traerá á memoria un bo feixe de costumes, ditos, xogos, cantigas e outras lerias que nos farán matinar no moito que cambiaron as cousas dende aquela... do moito que cambiaron ou non.

Un espectáculo indicado para público adulto preferentemente, dispoñible en galego e en castelán.